Continuamos falando de Beethoven (farémolo moito moito) porque está de aniversario, pero sobre todo porque foi un dos grandes xenios da humanidade e non me refiro só á Música!
Preséntovos a súa 5ª sinfonía, que non precisa realmente presentación posto que é unha das melodías máis recoñecibles non só del se non de toda a historia da Música. Son tan impactantes esas primeiras notas que se especulou de todo sobre a súa orixe, desde que era o son do destino chamando á porta ata que era a imitación do canto do ouriolo.
Esta sinfonía foi estreada no ano 1808 e a súa primeira interpretación foi un tanto accidentada xa que a orquestra só fixera un ensaio para aquel concerto e nun momento incluso un estrepitoso erro dun músico provocou que houbera que comezar de novo unha parte. Pese a iso pronto se convertiu nun símbolo da música clásica considerándose unha das obras máis revolucionarias de Beethoven. E fixádevos que iso non é moco de pavo, xa que Beethoven foi o que marcou o cambio de época do clasicismo ao romanticismo!
Na audición que vos propoño escoitaremos un fragmento do primeiro andamento caracterizado por esas primeras catro notas que aparecen case en cada compás. No resto da sinfonía tamén teñen unha presenza moi destacada pero xa con diversas modificacións. Apreciade como só a partires de 4 notas se pode construír algo tan grandioso!
E xa non vos enredo máis. Escoitade e desfrutade da xenialidade da música e da animación. É posible que xa a virades pois leva un par de anos pola rede e foi moi compartida. Se tedes opcion de vela nunha pantalla grande non a desperdiciedes, é absolutamente hipnótica!