Levaba días sen subir nada para a frauta pero non pensedes que me esquezo do noso instrumento estrela. O que pasa é que hai material e de certa dificultade polo que non quero que ninguén se agobie e precisamente por iso subo agora estas cancionciñas… facilísimas!
Forman parte dun pequeno libro de cancións para frauta que estou compoñendo desde o máis básico. Das 13 primeiras póñovos nesta ocasión estas 5 para ir vendo que tal funcionan. Só temos que empregar 2, 3 ou 4 notas polo que son melodías ideais para todos, desde os máis pequenos ou principantes aos que xa controlades o instrumento e que podedes aquí traballar outros aspectos coma o fraseo e a musicalidade.
Non fago titorial delas porque son moi sinxelas e só co vídeo xa ides ter fácil aprendelas. Pero ollo! Que sexan sinxelas non significa que non teñamos que poñerlle os 5 sentidos. Utilicei distintos ritmos para coñecer un pouco máis e para obrigarnos a manter a atención en todo momento ao cen por cen.
Déixovolas aquí nesta entrada pero tamén as podedes atopar na sección Frauta do Menú, no apartado “Gharabulladas”. Xa vedes que tanto o título do proxecto como o das cancións resultan moi evocadoras!
Agardo que a desfrutedes moito e se me queredes comentar algo sobre elas podedes deixar un comentario ao fondo ou escribirme desde a sección de Contacto, non sabedes canto me alegro cada vez que me chegan novas vosas!
regatos
o arado
galletas de plátano
a palliña
grelos